Parques e Xardíns ACEARRICA A Acearrica é un amplo espazo verde ao pé do río Arnoia. No verán é frecuentado por moita xente que quere gozar dun lugar agradable e tranquilo. Esta praia fluvial oferta varios espazos onde a escasa profundidade do río fan dela un lugar ideal para todas aquelas persoas que desexen tomar o sol ou pegarse un baño.
|  O ARNADO O Arnado é unha zona de esparexemento ao final do paseo da Alameda, xunto á ponte románica de Vilanova. É un espazo ideal para relaxarse e incluso dar un mergullo na época do verán, aínda que conserva todo o seu encanto durante todo o ano, grazas, sobre todo, ás árbores colocadas de forma simétrica ao longo de toda a área.
| .jpg) PARQUE DO PORTOVELLO O Parque do Portovello sitúase á entrada da vila, ao pé do río onde este fai un dos pequenos saltos, xusto diante do Museo do Coiro. Este Parque conta con amplas zonas verdes, zonas de paseo e bancos á sombra de diferentes tipos de árbores. Atópanse neste espazo unha zona de recreo para os máis cativos con randeeiras de madeira. |  PASEO DA ALAMEDA A Alameda é un paseo que discorre á marxe do río Arnoia. Ao longo do paseo atópanse varios servizos como cafeterías e mesmo o embarcadoiro, onde se poden alugar paseos en barca durante a época estival.
|
Ecoespazo O Rexo Situado na parroquia de Requeixo de Valverde, o Ecoespazo do Rexo é a obra resultante dunha intervención pictórica e escultórica do artista Agustín Ibarrola sobre un espazo natural reutilizado.
Baséase na harmonización de elementos naturais contidos na propia paisaxe: árbores, pedras, terra, auga... coa achega de materiais reutilizados e presentes na cultura galega: granito e lousa, para integralos nela, transformándoa así nun espazo único construído empregando, de modo integral, as enerxías renovables.
A colocación das pedras pintadas, paralelas a unha canle de auga onde unha minicentral eléctrica rehabilitada produce enerxía, mostra o percorrido do sol e da lúa no ceo e o seu aliñamento.
As pinturas nos troncos e nas pólas dalgunhas árbores nas dúas marxes do río sitúanse en lugares estratéxicos e moi concretos. Esta obra está relacionada coa cultura dos signos e co sinal do sentido das cousas. O autor, Ibarrola, enriquece e multiplica a cor e as xeometrías das pinturas segundo o ángulo dende o que se mire, xogando coa perspectiva. | .jpg) O Ecoespazo do Rexo é hoxe unha icona cultural e de ocio cunha mensaxe clara: o desenvolvemento do individuo e o goce do medio natural son compatibles. Así o demostra o feito de que se integren no mesmo contorno unha intervención artística, unha minihidraúlica, unha explotación piloto de ovino de leite (que produce queixo curado de ovella) e unha queixaría que pode ser visitada.
Ademais da paraxe singular, este espazo acolle a granxa-escola e o Centro de Educación Ambiental, lugares onde os máis novos poden aprender as faenas gandeiras, co obxectivo de favorecer a creación de explotacións no medio rural e así evitar o seu despoboamento, ademais de contribuír á limpeza do monte.
|
|